Sunday 12 de May de 2024

35 nenas e nenos admitidos na primeira quenda da Aldea de Verán de San Sadurniño


O Concello de San Sadurniño aprobou esta mañá a relación provisional de rapazada admitida e excluída na primeira quenda do programa de conciliación Aldea de Verán, que se desenvolverá durante o mes de xullo. En total rexistráronse 50 solicitudes, das cales foron admitidas 35 mentres que outras 15 quedan en situación de agarda. Ademais no listado tamén figuran catro peticións que xa contan con preadmisión para a quenda do mes de agosto. En calquera caso, o documento publicado hoxe ten carácter provisional, xa que as familias teñen até o martes que vén -incluído- para presentar alegacións.

A asignación das prazas da Aldea de Verán fíxose seguindo os criterios de prioridade establecidos nas bases, nas que se lles dá prioridade -por esta orde- ás familias empadroadas no concello, ás que teñan vencellos laborais no territorio, ás nenas e nenos que non sexan de San Sadurniño pero que veñan aquí á escola e, por último, calquera outra petición recibida, atendendo unicamente á orde de entrada no rexistro municipal.

O Concello recibiu 50 solicitudes para as 35 prazas dispoñibles, de maneira que na asignación provisional quedaron fóra 15 peticións cursadas por familias que non están empadroadas en San Sadurniño -aínda que a rapazada veña aquí á escola- ou que non teñen ningunha vinculación co municipio. As persoas que non obtivesen praza para as súas nenas ou nenos teñen dous días hábiles para presentar as alegacións que consideren oportunas.

As prazas ás que se refire a resolución de hoxe son as da quenda de xullo. O pagamento da matrícula deberá efectuarse segundo corresponda (horario de entrada elixido, se hai desconto por segundo irmán/irmá ou posteriores…) ingresando ou transferindo o importe á conta do Concello en ABANCA: ES74-2080-0208-01-3110000059. Desde a área de Igualdade insístese en que no concepto se faga constar o nome e o apelido da nena ou neno e tamén cal é a mensualidade que se está aboando.

Xuntanza informativa
O departamento municipal de Igualdade emprazará a todas as familias admitidas a unha xuntanza informativa que terá lugar a mediados ou finais da semana que vén, unha vez que se resolvan as posibles alegacións e que a lista se eleve a definitiva.

Nese encontro presentarase o equipo de monitoraxe que coordinará o campamento e tamén se explicará o programa educativo e de actividades que se vai levar a cabo durante os próximos dous meses, ademais de facilitarlle ás familias outra información do seu interese.

A data de inicio da quenda de xullo da Aldea de Verán está fixada para o luns 3. A cativería inscrita -toda con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos- empezará con distintos horarios segundo as preferencias expresadas polas familias. Os máis madrugadores e madrugadoras entrarán ás 8:30h e o resto iniciarán a mañá entre as 9:30 e as 10:00 h, rematando en ambos casos ás 14:30 h. As actividades desenvolveranse no ximnasio do CPI, salvo aquelas que se fagan no marco de visitas a outros espazos.

Desde o Concello lémbrase, por último, que o prazo de solicitude da Aldea de Verán para a quenda de agosto permanecerá aberto entre o 3 e o 15 de xullo, ambos días incluídos. As familias que solicitasen xullo e agosto e que se encontren en lista de agarda na primeira quenda non terán que presentar de novo a solicitude.